Opinión

Baixo un sol queimón

O Laretas sentou nun mazadoiro que había á esquerda no medio da Pitediña. A calor apertaba e Agapito Lorito Cremañón, para máis aquel, non levaba gorra. Aí, sentado, Agapito non lle podía facer honor ó seu alcume, porque non tiña con quen falar. Si, o significado do sobrenome é fácil. Non é que trate moito con el, pero as referencias que teño é que é un latriqueiro de moito coidado. Hai moitos veciños que ata foxen un chisco del. Ergueu do mazadoiro, colleu o sacho e botouno sobre o ombreiro dereito. Axiña torceu pola carreira dos Poulos. Xusto ó entrar nela, o reloxo da igrexa de Baños de Molgas daba as catro da tarde. Moi cedo para cavar as patacas que tiña no Poulo Pequeno (imaxino que terá un Poulo Longo ou Grande), pero O Laretas tamén tiña fama de cabezón, de testán. Así é que baixo un sol queimón, dobrou os cadrís e dispúxose a cavar os seis reguiños que tiña cheos de patacas. Entre os pés dos tubérculos tamén puxera algo de todo; desde verza branca ata fabas, pasando polo repolo e as xudías. O Laretas empezou a laretar só.

Te puede interesar