Opinión

O bambán dunha existencia

Queres bailar sobre a tumba dun crocodilo? Pois esperta do teu soño e corre polas liñas continuas dunha inocencia que non é tal. Quen é hoxe inocente logo de contemplar o bambán dunha existencia argalleira, revoltosa? Quen é capaz de mirar para a lúa e saber que de aquí a alá está a inocencia dunha mente libre? Quen puidera sentar no niño da ruliña! Logo deixa que a ollada vaia de aquí para alá contemplando un verso cabalgando na poalla dun sentimento. Ó final seguro que te atopas co poema incompleto, pero poema eterno, fermoso e sincero. Aínda que, ó mellor igual é unha novela, porque nas novelas tamén se poden introducir versos. E sentimentos. Queres saber que hai máis alá desa néboa que non deixa ver ou dese camiño que amosa unha curva tan cerrada que non sabes se aí remata a inxenuidade dun pensamento? Preguntas sen resposta. Porque non as buscas. Se buscas, atopas. Todo o que se busca acábase encontrando. Ás veces non. Non todo vai ser perfecto. Incluso o poema era incompleto. Só te salvará a rula que te contempla desde aquel niño da infancia. Esperta do teu soño, rapaz, e corre dereito polo pequeno carreiro da túa vida. Mellor un carreiro natural que unha autovía asfaltada.

Te puede interesar