Opinión

A banda sonora dun asubío

Levo 15 minutos escoitando o álbum musical “Live at the Apollo” de James Brown e fóra chove. Ou marmaña. A man dereita refrega as cellas dos meus ollos e tan só un pensamento bule polo espazo baleiro dunha cociña pequena. Non teño por que dicir o pensamento. Chega con que imaxinedes a contemplación dun debuxo sen liñas que colga no medio da parede nun cadro sen marcos. Hai rarezas que se acochan entre unhas ideas que non significan nada. Agora mesmo non sei se segue chovendo. Ou marmañando. Non teño opción nin ganas de levantar da cadeira para ollar pola fiestra. Así é que sigo sentado e escoitando a inconfundible voz de James Brown. Asoma pola miña boca un bocexo e penso que pode ser polo aburrimento ou porque as palabras dunha oración non acaban de formar unha frase. Así é que moito menos un parágrafo. É complicado ás veces reter un pensamento. Non queda entón outra que dicir que a banda sonora dun asubío compúxena no tempo de cando era rapaz, alá polo monte Medo. E principalmente cando a néboa era espesa. Nunca me volveu saír outra banda sonora tan boa.

Te puede interesar