Opinión

A burga de Baños de Molgas?

Quen son eu para berrarlle ó vento? Quen son eu para choutar por entre os valados das Pedradarcas ou polas caldeiras das Lagoas? Quero quedar en silencio para que o ruxerruxe do nordés pase sen que note a miña presenza. Quero sentar no mazadoiro da burga de Baños de Molgas para que o tempo discorra sen facer ruído. Ou para que a infancia sente á miña beira e me diga que a saudade está aí, entre o bafo da auga quente ou entre as parolas das lavandeiras labregas. A burga era o lugar no que a vida bailaba muiñeiras ó son dos golpes da roupa contra a auga termal, ou no que as rexoubas bulían das tinallas ós caldeiros coa roupa acabada de lavar. Quen son eu para soprarlle ó bafo? Quen son eu para pensar que a burga é un espazo inútil  no alento de todo un pobo? A burga era a gran telenovela da vida molguesa. Ergo do mazadoiro da burga e vexo como o ronsel do bafo se perde polo río Arnoia. Subo, paseniño, cara ó barrio da Igrexa. Non son quen de berrarlle ó vento.

Te puede interesar