Opinión

Buscando camiños

Cansado de dar cabezadas e de ler. A tarde faise longa. O tempo acocha entre as mantas e a saudade viaxa por entre as nubes brancas dun ceo eterno e infinito. Non queda outra que erguer e buscar camiños polos que a soidade se escape ou se esconda deses instantes de aburrimento que asoman cando un non sabe que facer. E co fácil que é matar o tempo! Non é tan fácil. Ás veces chega unha simple migalla para eternizarte. Quizais o mellor sexa correr por entre os carreiros da memoria e non parar ata chegar á meta final do tempo que xa non volverá ser, do tempo que xa foi, do pasado. E se aínda o aburrimento está aí, non hai mellor opción que colgarte da punta dun viraventos e bailar unha polca por todos aqueles que se divirten. Ou por todos aqueles que non saben que facer pero que non paran. A solución está en pensar que todo ten un inicio para rematar nun final. Tamén podes andar sobre o mar e buscar niños de rulas nas ondas que veñen e van. Ou cantar unha canción de berce na que as estrofas sexan a alegoría dunha infancia que aínda persevera nese tempo que foi, nese tempo que será. A tarde faise longa, pero o tempo furga sen parar por entre as agullas dun reloxo que non se detén.

Te puede interesar