Opinión

Cada catro anos.... promesas incumpridas

Xa se cheira, xa se nota, xa se palpa o ambiente das eleccións municipais. Agora, cada día, asoma na prensa algunha nova na que se anuncia o inicio de tal ou cal obra. O outro día, por enésima vez, por suposto, o anuncio das obras para o novo centro de saúde da Valenzá. Será verdade? Será mentira? Ai, ai, ai... vai ti saber! Isto recórdame á “tan prometida” casa da cultura de Baños de Molgas. Cada catro anos, en todas as eleccións municipais, desde que a democracia entrou no noso país a casa da cultura de Baños de Molgas asomaba en todos os programas de todos os partidos que se presentaban. Vai para corenta anos que seguimos sen casa da cultura, o que máis ou menos son unhas dez eleccións. Agora mesmo podíalle botar a culpa ó PP, ó PSdeG e ó BNG, que son os que acadaban os votos na miña vila, pero tan só podo acirrar no Partido Popular... porque ganou sempre. Ganando sempre (e sabendo que ganaba) seguía erre que erre coa promesa electoral que sabían que non se ía cumprir. Certo, os veciños xa tomaban a promesa a mofa. Hoxe, por non haber, xa non hai nin biblioteca. Para que queremos entón unha casa da cultura!

Te puede interesar