Opinión

Cara de ferruxe

A mal tempo, boa cara. É complicado poñer boa cara cando as adversidades se che botan enriba. Adversidades veniais, iso si. Pero suficientes para, mirándome nun espello, ver cara de ferruxe. Primeiro; quixen ver unha obra de teatro na Valenzá e, por unhas e outras cousas, chegamos xusto a tempo para ver que o aforo xa estaba completo. É certo que era unha obra de temática infantil, pero tamén é verdade que a representaba Sarabela Teatro, que xa son palabras maiores. Segundo; a peor adversidade, a que me puxo cara de ferruxe: que de paso que levaba a Xoel a Celanova a adestrar, tivemos que pasar polo centro de Ourense por causas alleas a nós. Estaba a noite (as oito xa é máis que noite) como para meterse no centro: inicio de fin de semana, chuvia e, para rematala, Venres Negro. É dicir, caos circulatorio. Porque, se xa somos malos conducindo en situacións normais pola cidade, imaxinade chovendo. E imaxinade con medio Ourense abalanzándose coma posuídos a uns comercios que xa fan unha feira dese outro “mercado” ianqui chamado Venres Negro. Semáforos. Chuvia. Dobre fila. Cara de ferreiro. Cristais empanados. Cabreo. Tensión. Cara de can. Cabreo. Tensión. Tempo que se bota encima. Cara de poucos amigos.

Te puede interesar