Opinión

Catro camiños

Camiño polo lado esquerdo da estrada ó mesmo tempo que penso que ó mellor estou lanzando unha esaxeración. A tal estrada semella máis unha verea de estante, ou unha corredoira. Decorre por entre unha carballeira e con continuos atrancos en practicamente todos os puntos. Cando andei pouco máis de corenta metros dixen (para min mesmo) que para onde ía eu, alma cándida! Ante este filosófico pensamento, collín, e como quen non quere a cousa, ou como si quería o dúo Pimpinela, peguei a volta, é dicir, que peguei así coma un xiro e quedei mirando para a igrexa que se vía alá ó fondo, moi ó fondo.

Ou sexa, que retrocedín eses corenta e poucos metros para sentar á sombra dun salgueiro e pensar, profundamente, cal camiño coller agora. Porque o asunto tiña o seu aquel: que realmente partían daquel punto tres estradas máis. Si, aquí tamén esaxero: tres carrilleiras máis. Unha ía en dirección norte. Outra en dirección sur. E a terceira levaríame para o oeste. Cando asomou no meu pensamento esta última palabra, a imaxinación fóiseme, claro está, para o Far West. Ouh o Far West!, exclamei así coma se fora nunha viñeta. Porque o Oeste das novelas baratas gústame e, ante isto, o normal era que collese este camiño, esta carrilleira. Pois non!; quedei sentado e pensando.

Te puede interesar