Chégalle ben pallaso!

Chégalle ben pallaso!

Máis sobre o Mundial de Rusia. O peor de todo é que xa nin nos queda Portugal. Sobre o asunto (ese no que pensamos todos), non digo nada porque ata me dá vergonza. Víase vir, pero... a esperanza é o último que se perde. Pobre esperanza! Pois si, menos mal que era pobre e doe menos a cousa. É máis, incluso ata quedou un coma liberado, case coma contento. Non fales máis, oh. Non falo máis. Falo de Neymar. Mira que me estaba caendo ben este rapaz. Pero as parvadas que fixo ante México; iso non é de profesionais. É certo que, por exemplo, Luis Suárez fai o mesmo, pero... non sei, de Suárez xa o temos asumido, xa sabemos que é así. Como era Stoichkov. Como é Diego Costa. Pero Neymar, o cacho xogador que é Neymar. É certo que sempre fixo esas paifocadas, pero non como as do partido contra México. Aí tiñan que botar tamén man do VAR e expulsalo. Así de simple. A ver se escarmentaba. O VAR ten que ser tamén para ensinar. Para ensinarlle a un parvallán, a un badulaque que iso non se fai, que hai que ter un pouquiño de respecto polo contrario, polos compañeiros e polo público. Xa van dous grandes que me alteran un chisco as entrañas: Ronaldo por vaidoso, por egocéntrico e Neymar por pallaso. Chégalle ben ese nome. Porque eu adoito usar o cualificativo pallaso nun ton moi despectivo.