Opinión

Un chisquiño máis de conciencia

O día que oín algo sobre os incendios gregos foi simplemente iso: o típico titular que daban pola radio, o de uns grandes lumes. Xa pola tarde, camiño de Ramiras, comentou algo a muller de 60 mortos. Pedinlle explicacións, claro. E quedei alucinado. Precisamente o día en que facía 30 anos que eu estivera en Atenas. Recoñezo que me impresionou a cantidade, a cal, por certo, pola noite, xa aumentara a 74. Unha barbaridade! Non obstante, o día da Patria Galega, puiden apreciar que segue habendo categorías nas formas de morrer e nos lugares nos que se morre. Este día lin dous xornais. Un empregaba un titular enorme e desenvolvendo a noticia en máis de media páxina sobre eses 74 mortos de Grecia. Pero xusto á beira, e nunha simple columna, viña outro titular: “Centos de desaparecidos ó derrubarse unha presa en Laos”. O outro xornal dedicáballe dúas páxinas ós incendios do país heleno, e “cero patatero” ó encoro de Laos. Imaxino que se preguntarían: pero onde está iso?, quen son eses? Doen os mortos gregos (eu simplemente pola visita que lle fixen, quedei cun cariño enorme cara á ese país), pero os de Laos tamén son persoas e moitos máis en cantidade. Deberiamos ter un chisquiño máis de conciencia.

Te puede interesar