Opinión

Co ben que se está fora

O aire fungaba fóra  e pingas de chuvia querían caer, caían sobre a miña cabeza. Pouquiñas, esa é a verdade. Pero intúo que, logo do aire, virá a auga. A tarde do domingo está gris, triste. Non se vía unha alma pola rúa. A miña si. Porque a miña non é capaz de aguantar toda unha tarde pechada na casa. Xa o dicía miña nai: "en ti non cae a casa, oh". Por agora non caeu. A ver!, é que tampouco son parvo; estar ó mellor de papafilloas esperando a que caia a casa. Vaiche boa! Xa sei que fóra pode matarme unha chispa, un alustro, pero que che caia a casa enriba... Co ben que se está fóra; respirando aire puro, oíndo os paxariños, vendo como os caracois atravesan o atallo que vai cara á Valenzá. A tarde está triste, pero un paseo por entre esa tristura é coma sentar nunha aira coa morriña aniñando na alma. Máis ou menos. Agora xa estou de novo na casa e, oxalá!, non se derrube. Que tristura, meu Deus, morrer esmagado co ben que se está fóra!

Te puede interesar