Opinión

Coa lima do cortaúñas

Pé esquerdo en auga quente. Con sal. Para aliviar a dor do calo. E para abrandalo, claro. Logo, cando xa vexa que se pode furgar nel, ale, a facelo. A ver se o quito; polo menos un cacho. Para que non me doa moito cando me atope no Rosario das Antorchas. E que vou ir. Faltaría máis. Aínda que me deite ás dúas. Aínda que me levante ás sete. É a noite máis bonita do ano. Para un servidor e creo que para toda a contorna molguesa. E non digo nada xa sobre o día de mañá. O día 8. Coñécese así, e punto. Nada de o día da Virxe nin sequera algo semellante; simplemente O día 8. Pé esquerdo na auga que xa non está tan quente. Meneando a cabeza ó ritmo do jazz de Bill Evans. Creo que cando remate este relato, non queda outra que ir ó baño para furgar no maldito calo. Voulle meter a punta da lima do cortaúñas ata o mesmo corazón. Aínda que súe coa dor. Aínda que berre. Pero téñolle que buscar as entrañas e arrincarllas! Estar de pé e quieto é algo que me mata, que me fai sufrir horrores. Porque, para máis aquel, sempre me apoio moito máis sobre o pé esquerdo. De toda a vida. De aí creo que foi de onde me apareceu o maldito calo… de fincarme nese pé continuamente.

Te puede interesar