Opinión

Con código xenético teatral

Apesar de que xa vai para medio ano que os vin actuar na casa da cultura da Valenzá, aínda hoxe os teño metidos na memoria, tanto ó dúo protagonista como a propia obra: “Rosalías: Unha vida de luces e sombras”. O dúo protagonista da compañía Teatro Antroido son nai e fillo. O nome da nai, Laura Ponte, quizais sexa para algún algo enganoso, porque con ese mesmo nome tamén anda por aí unha famosa modelo galega. Este molgués que escribe, a maiores de coñecer á modelo, si sabía que esta tal Laura Ponte que nos ocupa era actriz, aínda que, ó mesmo tempo, recoñezo que descoñecía a súa relación con Roberto Vidal Bolaño, o dramaturgo galego ó que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2013, que xa é dicir. E o fillo de Laura Ponte máis Roberto Vidal Bolaño é Roi Vidal.

Os dous xa sobre o escenario empezaron a representar unha morea de textos de e sobre Rosalía de Castro para intentar espallar unha imaxe renovada na que a autora padronesa non é esa muller sentimental e romanticona como se lle coñece, senón unha intelectual feminista comprometida coa análise da sociedade do seu tempo.

A compañía Teatro Antroido naceu no xaneiro de 1974 da man de Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos. Axiña, nese mesmo verán, xa entrou a formar parte da mesma Laura Ponte. Catro anos máis tarde estrean, como primeira compañía profesional en Galicia, a obra “Laudamuco, señor de ningures”. Despois seguirían unha ducia delas dirixidas por Roberto, cunha estética particular e renovadora baseada na utilización teatral de diferentes tradición e xéneros, realizando espectáculos diversos formatos e públicos, incluído o infantil.

Pasado o tempo, Teatro Antroido propón un teatro de reflexión e de forte imaxinería visual no que se normalice a cultura galega. E así pon especial interese na aparición de novas voces e tendencias para enriquecer a tradición teatral autóctona.

Dedicándome xa á nai e ó fillo, ós dous actores que tiven diante min na Valenzá, direi que Laura Ponte Santasmarinas naceu no outro lado do charco, máis en concreto en Bos Aires no 1958, e que é moito máis que unha cara bonita. Empezou como creo que empezan todos os actores que acaban sendo bos: con pequenos papeis no teatro a mediados da década dos 70 e así, pouco a pouco, converterse nunha habitual nas montaxes do Centro Dramático Galego. No ano 1980 protagonizou o telefilme “Cristian” producido polo ministerio de Asuntos Exteriores de Alemaña. Desde mediados dos 80 ata hoxe traballou en diferentes curtametraxes en Galicia e algunhas longas, das que coñecemos principalmente, “Urxa”, “A noiva de medianoite”, “León e Olvido” e “Todo é silencio”.

Ó seu fillo, a Roi Vidal, é normal que lle saíra a veta dramática, tendo de pais a eses dous mestres teatrais. Naceu en Santiago en 1982, onde viviu ata a adolescencia. Pasaba case todas as fins de semana na casa da súa avoa maternal, porque os seus pais adoitaban traballar e non podían facerse cargo del (e xa sabemos como son os traballos das pequenas compañías teatrais: de aldea en aldea e de praza en praza). Nesas fins de semana xa mamaba da súa afección e montaba escenas cos bonecos de Playmobil. Confesa que o que máis recorda da infancia son os carteis, bonecos e máscaras que enchían a súa casa (a ver!...) ou a música que Emilio Cao compuxera para o “Touporroutou da Lúa e do Sol”.

Fixo EXB no colexio Pío XII e empezou a participar moi activamente na actividade de Teatro de Ferradura Aberta, que era un campamento urbano organizado polo concello da capital de Galicia e que enchía de actividade as tardes de verán na Alameda. Coa nai non lle quedaba outra que compartir intensas xiras nas que, confesa, que o pasaba divinamente. Licenciouse en filoloxía galega e estudou dirección de escena na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática). Leva escritas e dirixidas varias obras. Quizais o seu mellor mérito está en que, a pesar de ser fillo de quen é, el soubo buscar o seu sitio propio. Como debe ser.

Te puede interesar