Opinión

Coidado cos petroglifos

Coidado cos petróglifos! Hoxe lin unha nova na que nun concello de Ourense descubríronse varios petróglifos. E fochicando agora mesmo no feisbuq, atopeime con que o amigo e actor Suso Lista subiu unhas fotos de máis petróglifos alá por Corme. Polo concello de Baños de Molgas tamén, ultimamente, se descobren petróglifos a moreas. Pois ben, digo coidado con eles porque eu sei dalgúns en Baños de Molgas, máis en concreto na Chaira e en Barricobos, que non sei se serán auténticos petróglifos. Poida que si. Non son un entendido na materia. Pero lembro de rapaz que, ó andar no monte, estabamos dálle que dálle ós buracos ou pociños ou cazoletas ou coviñas para afondar máis os existentes ou para facer uns novos. Incluso faciamos como guías, como canaliños, como regatiños duns ós outros para así, cando chovese e se enchesen os primeiros, correse a agua para os seguintes. Entendo que moitos deses pociños ou coviñas poida que sexan da época de máis alá do coñecemento, pero tamén sei que algúns terían que pasar milleiros e milleiros de anos para ser considerados como petróglifos. Non son un entendido. Pero matabamos as tardes dándolle ós penedos da Chaira e de Barricobos.

Te puede interesar