Opinión

Como un porco ó millo

Buxán Vilamelle Prieto sentou á mesa da partida das cartas e pediu, a berros, como se pide sempre no noso país, un café cortado e xa case lle obrigou ós seus tres compañeiros a que pedisen tamén; “que despois andades sempre a parar a partida”, remachou. E Buxán Vilamelle, O Cogorzas, era de pouco aguante e amoláballe que a partida non tivese fin. El quería ganar canto antes. Porque, “eu só xogo para ganar!”. Claro que, ás veces, moitas veces, perdía. Pero un día detrás doutro volvía coa mesma leria. Cando perdía sempre lle dicía ós contrarios que lles daban as cartas como un porco ó millo. Esa era a súa sentenza ó perder. Cando ganaba el, faltaría máis, era porque xogaba ben. Pois iso, o típico de todas as partidas das aldeas e non aldeas. Era raro o día no que non denunciaba un renuncio. Case nunca tiña razón, pero anoxáballe perder! Emporiso, se algunha vez o pillaban a el, axiña se desculpaba con que fora un erro, que quería coller unha carta e resulta que collera outra. Tamén o típico de moitos. Onte contemplei como xogaba e era a el a quen lle daban como un porco ó millo.

Te puede interesar