Opinión

Contemplan a vida pasar

Sei de dous lagartos que contemplan a vida pasar. Desde o alto dunha casopa perdida entre os outeiros da soidade. Un deles outea, esculca os confíns do monte mentres o outro segue os seus movementos. Móvense por entre as tellas derruídas, por entyre as paredes esborraladas e de cando en vez deixan que as súas barrigas temperen as ansiedades dun soño. Pero non sempre a calma é total nas horas nas que máis sol vai. Ás veces oen ruídos e ven movementos que non saben se son dun reloxo que anda ou dun tempo que morre sinxelo e en silencio.

Eles mesmos procuran non arrastrar os rabos para non facer ruído polas tellas. Nun chiscar de ollos, o máis pequeno chouta de tal maneira que mesmo semella que participa nas olimpiadas dunha tarde pachorrenta e aborrecida. A acción pon ó outro frenético e foxe coma can con vincha ó rabo ata o outro recanto da chabola. Ó unísono erguen os pescozos, asexan e, pouco a pouco, acougan, sosegan para contemplar a vida pasar.

Te puede interesar