Opinión

Contemplando os obxectos

O bochorno penetra na pel como auga fervendo ou gurgullando e penetra tamén na alma como nugalla amoucada. Mentres, Concha Piquer dicindo que es a miña vida e a miña morte, que non debía de quererte e, non obstante, quérote. Agora iso tamén o di Joaquín Sabina. Tanto ela coma el deben de querer moito. Creo que todos amamos moito. Ata o suspiro quere á distancia e o latexo ós obxectos recibidos. Ata a nostalxia ama o tempo que vai e vén entre conversas de aquí estou. Pero o tempo é ese animal que bufa porque non todos os camiños levan a Roma. Algúns teñen tanta reviravolta que os rematas no principio. E quedas quietiño, contemplando os obxectos e deixando que a emoción che faga un nó na boca do estómago ou que os ollos se che empanen dunha melancolía nostálxica. Así de estrambótico e bonito e sinxelo e cándido e inocente é o querer. Como o de Concha Piquer, como o de Sabina, como o de moita xente. O bochorno fai que me acalore e a calor non deixa espallar os pensamentos. Polo que estes seguen unha e outra vez vendo obxectos pola mesa e palabras escritas que emocionan, que fan sorrir e, por que non, que fan soñar.

Te puede interesar