Opinión

En continua incongruencia

O ser humano vive en continua incongruencia. Donald Trump quere darlle armas e adestrar ós profesores para evitar os tiroteos. Ou para que sexan os profesores os que empecen a disparar. Os cables axiña se lles cruzan a calquera. E se tes con que cuspir toda a adrenalina que levas dentro... despois pasa o que pasa.

Primeiro cunha man secamos as bágoas que caen dos ollos por esas traxedias, por esas masacres, pero ó mesmo tempo xa estamos estendendo a outra man para recibir a pistola, ou o fusil, ou a arma que mata. Somos así de incongruentes. Non hai quen lle meta man á Asociación Nacional do Rifle.

Miles de xubilados maniféstanse en toda España (e con razón) polas súas pensións, sen se decatar que a maioría deles, a gran maioría deles votaron, votan e votarán a eses que os están fundindo na miseria.

É certo que as maiorías absolutas non se acadan só cos da terceira idade, pero si coa gran maioría deles. É o de sempre: moita manifestación, moito berro, moita rabia, pero ante unha urna de cristal axiña cambiamos a chaqueta, o parecer. Seguimos sendo así de incongruentes.

Te puede interesar