Opinión

Contra a varíola negra

Hai moito, pero moito tempo; máis ou menos polo xullo de 1909, moitas eminencias médicas chamábanlle a Galicia “a patria do gran Courel”. E non estou a referirme ós montes ou á serra do Courel, senón a unha familia de médicos que proceden de Viana do Bolo. Un deles, Luciano Courel Armesto, era quizais o que máis destacou nesa labor, xa que unha das súas especialidades era a de cirurxía e porque no ano 1881 desenvolveu unha labor moi importante cando ó noso país asomou unha forte epidemia de varíola. Esta empezara xa no século XIX e era coñecida como a varíola negra. Sospéitase que a orixe destas vexigas tivo relación coas posesións españolas das illas Filipinas e de Cuba, dado que o primeiro infectado e tamén a primeira vítima foi un soldado que chegou de Filipinas onde fixera o servizo militar. Luciano Courel Armesto nacera en 1857 e morreu no 1909, cando contaba con tan só 52 anos de idade, a consecuencia dunha infección que contraeu cando estaba cumprindo cos seus deberes profesionais. Durante uns cantos anos, chegou a ser o director do balneario de Baños de Molgas. A este doutor coñecíano máis fóra de Galicia que na súa propia rexión, e máis no estranxeiro que na propia España. O que adoita acontecer moitas veces.

Te puede interesar