Opinión

Correr ás cegas

Corro por entre a xente para escapar. Non sei de que escapo, pero teño que correr. Non creo que escape do jazz de John Coltrane, mais vexo como sorteo á xente para non atropelala. Eu cando corro, corro moito. Case se pode dicir que corro ás cegas. E, claro, non vexo. Tiro para adiante coma un posuído. O caso é que levo xa uns minutos correndo e sigo sen saber de que escapo. Non teño ningunha pistola comigo. Non me pelexei con ninguén. De que fuxirei? Sei que non son un James Bond nin un Jason Bourne, pero tamén sei case seguro que non lle fixen mal a ninguén. Non teño por que correr! Pero corro escapando, liscando de algo, de alguén.

Ó mellor téñolle medo á soidade ou ó latexo dunha rula que aniña dentro dun sentimento. Ó Mellor non quero sentir o sentimentalismo dos Panchos para non afundirme máis, melancolicamente falando. É que Os Panchos... Podía escapar da música de Marta Sánchez, pero sei que o ritmo que estou empregando na carreira non se debe precisamente a un tema musical. Tampouco sei dicir por que corro por entre xente. Se non tiña porque escapar de ninguén. De nada incluso. Que aínda que, ás veces, me ferve o sangue, normalmente son un home tranquilo, feliz. Quixera ser Jason Bourne, pero non para escapar. De repente, freo. Xa está.

Te puede interesar