Opinión

Culturactiva, unha cooperativa que reparte soños pola provincia

Que bonito é soñar espertos! Díxeno, dígoo e direino sempre. Algúns facémolo vendo unha película, outros lendo un libro, algún máis escoitando música e, por que non, tamén os hai que soñan co imposible. O caso é soñar. E hoxe aseguro que, ou ben dunha maneira ou ben doutra, Culturactiva fainos soñar a todos con calquera das súas actividades. É máis, xa leva no que vai deste mes de abril facéndonos soñar en algunha das cinco localidades coas que planificou unha aventura que imos destripar nesta reportaxe. Por certo, as cinco localidades son Allariz, A Rúa, Baños de Molgas (coidadiño!, palabras maiores), Barbadás (palabras especiais pero máis pequenas) e Verín.

Durante este mes de abril a distribuidora Culturactiva, Sociedade Cooperativa Galega, xunto co mago Teto, sacaron á palestra, ou sexa, a esas vilas o programa Terra Máxica que, como o seu nome indica, xa imaxinades de que van os soños. Porque a maxia... a maxia vaia se fai soñar!; moito máis incluso que coas artes que dicía no anterior parágrafo. O soño desas artes, máis ou menos, imaxínalo. Pero o soño da maxia é que o ves!

Culturactiva é unha distribuidora de espectáculos teatrais, circenses (anda que non fai soñar o circo!) e musicais. Así mesmo, desenvolven proxectos propios coma, por exemplo, o Festiclown, ou o que é o mesmo, o Festival Internacional de Clown de Galicia que, pouco a pouco, xa se espallou por todos os territorios non só españois, senón tamén mundiais. Esta distribuidora pode sentirse orgullosa de darlle a coñecer ó respectable a xente coma Guadi Galego, Leilía, Coanhadeira, Sergio Pazos, o incrible Leo Bassi e Fran Rei, que, este, a maiores de facernos soñar coa súa maxia, xa nos fixera soñar na propia Valenzá co espectáculo "Falar sen Cancelas", nesta ocasión acompañado de dos monstros chamados Isabel Risco e Pedro Brandariz, e que, faltaría máis, tiveron a súa correspondente reportaxe neste Testemuñas alá polo 30 de setembro pasado.

A Cuturactiva ocorréuselle o programa de Terra Máxica pensando precisamente que Ourense é unha provincia na que non hai moita programación cultural fóra do que é a cidade (e se só fora iso...). Así é que seguiron o lema de Mahoma: se a montaña non pode ir a Mahoma que vaia este á montaña. Ou ó revés. É igual. Culturactiva colleu e mandou ós seus profetas para que espallasen a palabra de Deus polas vilas ou os soños dos nenos e non tan nenos polos concellos. E niso están.

A mellor proba: que o pasado domingo, día 2, xa iniciaron a súa andaina, o seu camiño dos soños polas terras da Rúa, onde actuou o mago Paco co seu espectáculo "Ledicias". Nesta localidade terán as actuacións os domingos. Tamén os domingos 9, 23 e 30 haberá actuacións ou soños na Casa da Cultura de Allariz. Para Verín escolleron o Auditorio Municipal e optaron polos sábados, 8, 22 e 29, nos que saltarán á palestra Fran Rei e os magos Teto e Xacobe.

Que si, que xa fixen adrede deixar para o final os dous concellos que se escriben, que os escribo con palabras especiais (maiores e máis pequenas) porque... Barbadás xa case se pode dicir que é o meu concello de adopción e Baños de Molgas, ai Baños de Molgas!; a estas alturas non precisa ningunha presentación pola miña parte. Dádevos por resabidos dos meus sentimentos cara á esa vila que me pariu e me criou. Na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás os de Terra Máxica actuarán os venres 7, 21 e 28.

A Baños de Molgas pásalle practicamente o mesmo que comentaba parágrafos atrás sobre a provincia de Ourense: que non hai moita cousiña, que somos pobres, e punto. Porque en Baños de Molgas só haberá unha actuación, a de Dani García, que o fará o venres 14 (Venres Santo) ás seis da tarde. Actuará no edificio multiusos da Estación. Que significa iso? Que polo lugar no que actúa e en compensación por haber tan só unha actuación na miña vila!, na Venecia ourensá!, estou seguro que Dani García ou ben fai desaparecer os vagóns de tren que haxa xunto ó aparcadoiro ou nun amén máxico fai que pase o AVE coma un lóstrego,coma un suspiro por diante dos narices do respectable. Ese instante será único e irrepetible en Baños de Molgas. Será o celme, o gran soño dunha vila inmensa. Entón, para que carallo queremos máis días!

Bromas á parte; chapó para Culturactiva por levar soños a concellos que, aínda que semella que non existen, están aí, que sempre estiveron aí. Grazas por facer soñar espertos a nenos e non tan nenos coa maxia que os levará a máis alá duns xogos internautas e duns aparellos de labranza, que de todo hai na viña do Señor.

Te puede interesar