Opinión

Cumpre coa intención

Como ben sabe todo lector de ciencia ficción, hai moi poucas películas do xénero que poidan mirar de fronte ós clásicos que este lle deu á historia da literatura. Quizais poidan contarse cos dedos dunha man. Non obstante, hai algúns anos que o discurso, o relatorio do xénero na gran pantalla semella pugnar por alcanzar certa maioría de idade. Ou por poñer fin, dunha vez por todas, á inocencia. Neste sentido, “Eu, robot” (2004), de Alex Proyas, autor desa extravagante e excepcional rareza da ciencia ficción cinematográfica que foi “Dark City”, parece disposta a colocarse na mesma liga profesional que “A. I. Intelixencia artificial” (2001) ou “Minority Report” (2002), películas que apelaban a maiúsculos referentes e compartían a reivindicación do concepto como indispensable fundamento da iconografía.

A pesar de contar cun título que pode alterar ós integristas (pois non estamos ante unha adaptación do fundacional libro de relatos de Asimov, senón ante unha reinterpretación, ou mellor dito, ante un relato apócrifo situado no seu futuro hipotético), a película de Alex Proyas cumpre con creces a súa intención, aínda que o espectador puntilloso, mexeriqueiro poida reprocharlle, entre outras cousas, un deseño de produción claramente tributario do que Alex McDowell elaborou para “Minority Report”. Se Asimov concibiu un marco legal para a coexistencia de vidas biolóxicas e sintéticas coa intención de detectar focos de inquietude nas súas gretas, “Eu, robot” (a película) recolle o guante e constrúe a súa ficción sen saírse desas regras de xogo preestablecidas.

Con todo, a película de ideas e o blockbuster de acción libran un pulso constante ó longo de toda a metraxe ata que, finalmente, é este último quen se apunta a vitoria. A “Eu, robot” podíaselle reprochar o mesmo que a “Minority Report”: non atreverse a xogar as súas cartas ata as últimas consecuencias. Pero para iso xa está o libro, por se alguén quere levar traballo á casa. Emporiso, o que máis destacaría da longametraxe é a Sonny, o robot máis inquietante desde o famoso Hal 9000 de “2001: Unha odisea do espazo”.

Te puede interesar