Opinión

Déixate levar...

Déixate levar polo ronsel do avión que se dirixe ata os confíns do universo, é dicir, ata o aeroporto máis a man. Despois, aterra coa parsimonia dun instante e busca entre os habitantes do planeta Terra aquel que sorrí nun aceno, nun xesto de benvida. Ponte a camiñar polos carreiros da harmonía e aparta as silvas que che queren rabuñar a alma. Quizais non saibas quen es ou quen te segue. Quizais non esperes un saúdo ou un abrazo. Pero aí, á volta daquela carballeira, está a túa infancia. Aquela na que perseguías os avións por entre as aberturas das gaias. Aquela na que deixabas que un simple asubío de pardal te espertase dun sono tranquilo e sosegado. Déixate levar polo zigzag dunha serpe que busca un simple agocho, porque o medo é libre. Ti arrodea a toxeira e segue o camiño que te levará ás noites de ver arder o lume na lareira. Senta na banqueta de castiñeiro e por entre as lapas contempla as sombras que xogan coa señardade dun tempo. Daquel tempo no que as noites eran eternas e os recordos, simplemente, fluían en cada brasa que refulxía para alumear a vida, unha vida normal e sinxela.

Te puede interesar