Opinión

Deleite para os sentidos

Testana nas súas propostas, Pilar Miró empeñárase contracorrente en adaptar ó cine unha comedia en verso de Lope de Vega. “É un proxecto arriscado, porque en España hai moita prevención cara ó que aínda non se fixo aquí, a pesar de funcionar previamente noutros países”, dixo nunha ocasión. E tamén insistiu nunha revista: “Os ingleses fan todo Shakespeare no seu cine, os franceses fan o seu Cyrano con todos os seus versos... por que non imos nós a facer os nosos clásicos?”.

Convencida de que tamén era posible en España este tipo de películas, Pilar Miró, “buscando unha obra que fora transgresora á par que moderna”, elixiu O can do hortelán porque “estou absolutamente convencida da súa eficacia e da súa actualidade”.

A pesar do seu entusiasmo, non lle foi fácil á directora poñer en marcha unha produción tan complexa. E unha vez avanzada a rodaxe en Portugal, houbo que interrompela por problemas financeiros; só meses despois a unión de tres produtores nun comité de salvación logrou que o filme se acabara de rodar, aínda que cun aprazamento tan longo que Pilar Miró tivo tempo para dirixir entre tanto outra película, O teu nome envelena os meus soños, cos mesmos actores, Emma Suárez e Carmelo Gómez. “Todo o mundo lle dixo que estaba louca”, escribiu alguén, “pero sen esa teimosía de acabar O can do hortelán, ó cine español faltaríalle hoxe unha das súas mellores obras, e se a súa autora non morrese dous anos despois, teríamos a esperanza dunha nova filmografía en quen estaba empezando a facer o seu mellor cine”.

O filme non tivo éxito no festival de San Sebastián pero si no arxentino de Mar del Plata, onde obtivo o máximo galardón e as máis entusiastas críticas. Ó seu regreso triunfal a España, O can do hortelán, a cuxa estrea madrileña incluso acudiron os Reis, transformouse nunha das películas de maior éxito de 1996, acadando ademais sete Goyas. Unha crítica francesa dixo que o filme era “un deleite para a mirada e o oído, ante todo pola calidade dos seus actores”.

Te puede interesar