Opinión

Delirante mirada

Primeira secuencia de “Team America” (2004):  rúas de París, un día de moita xente. De súpeto, uns árabes con pinta patibularia manipulan un maletín que contén, a todas luces, unha bomba. E de improviso, literalmente chove do aire unha partida de aguerridos servidores da orde que nun amén, e tras descargar o arsenal que portan consigo, acaban co comando terrorista, e virtualmente con París enteiro. Pero aínda hai tempo para máis: para sufrir unha baixa en combate, para unha declaración de amor terminal, para que a cámara se deteña ante a apostura dos que acaban de caer do ceo. Mentres, a cara de perplexidade dos franceses, que contemplan aterrados a destrución da súa cidade, é máis significativa aínda que toda a apostura dos defensores da orde.

Este comenzo canónico é máis que o que aparenta unha presentación de personaxes en toda regra: é unha auténtica declaración de principios, un tiro por elevación contra o paroxismo militarista que se apoderou duns Estados Unidos máis paranoicos nestes tempos do que nese país adoita ser habitual. Non pode ser doutra maneira tratándose, como se trata, dun filme debido ós creadores da desopilante “South Park”: aquí non deixan torre en pé, as labazadas prodíganse en todas as direccións, nada nin ninguén está a salvo das iras dos responsables desta sangrante e hilarante peripecia.

Historia de marionetas animadas espectacularmente ben construída. O filme semella nacido do desexo de tomarlle o pelo ó presidente Bush e á súa sombra. Aínda que a quen peor trata é ós propios protagonistas, todos co gatillo presto para defender a orde mundial e o “American way of life”. Falcatruada, trasnada sen desmaio, delirante mirada sobre un mundo que hai tempo que semella que perdeu toda cordura. “Team America” é un dos produtos máis salvaxemente divertidos creados polo show bussiness americano. E unha segura recomendación para amantes do exceso e o mocazo ó poder na súa mesma culiga.

Te puede interesar