Opinión

Demasiados mortos

O proceso soberanista de Cataluña, e por moito que digan algúns, non ten marcha atrás. Se non é hoxe é mañá. Aínda que peor foi e peor é o terremoto de México. Demasiada xente sen fogar. Demasiados mortos. Como a cantidade de mortos podería ser moito máis extensa se Donald Trump e Kim Jong-un seguen coas súas fanfurriñadas, coas súas xactancias: ti lanzas un mísil e eu desfágote, desintégrote cunha bomba nuclear. 

A verdade é que neste mundo no que estamos a vivir hai mortos por todos os lados. Mortos por atropelos; porque moitos inconscientes cruzan por onde non deben e outros tantos atoleirados corren a demasiada velocidade. Mortos pola violencia de xénero; na que tamén están comprendidos moitos suicidios. Si, maldita sexa, pero porque non se suicidan antes de armar a falcatruada. 

Ciclistas mortos porque non os respectamos un carallo. Si, xa sei que alguén estará a pensar que, ás veces, eles, tamén andan como Pedro pola súa casa. Para min teñen o mesmo dereito que os coches, pois a ver se nos entra na cabeza que as estradas non son tan só para os coches, que son para circular por elas. Por que non nos espetamos contra un tractor, que vai moito máis lento ca eles? Mortos causados por un tractor; porque a estes bichos adoitan conducilos, por desgraza, xente bastante maior e, quéirase que non, os reflexos xa non son os mesmos. A maiores de que a eses bichos os metemos por sitios intransitables, escarpados. Demasiada confianza. 

Mortos por accidentes de tráfico; polo dito nos atropelos: que corremos moito e distraémonos aínda máis. O dos móbiles conducindo xa é un alucine. E non hai multas que vallan. Confiemos en que estes días e nos vindeiros non haxa mortos en Cataluña. Que estamos nunha democracia e somos un país libre. Xa sei, é un dicir.

Te puede interesar