Opinión

Demostrando movemento

Estes pés que me matan. De andar. Dun lado para o outro. De aquí para alá. Dunha tenda a un súper. Dunha libraría a unha panadaría. Para rematar, iso si, na terraza dun café. Xa era hora! E non polo café, senón polo descanso. Vale, de acordo, polo café tamén. Todo iso significa que non parei, que me movín. O movemento demóstrase andando; din. Que llo pregunten ós meus pés! Que si, que me gusta andar. Ó meu ritmo, pero gústame andar. Non me gusta nada quedarme quieto. Non quero que a casa me caia encima. Non vaia ser que me rebente. Non vaia ser que me esmague. O movemento demóstrase andando. E ando. Así é que me movo. Como un escornabois. Ou como unha tartaruga. Si, mellor, sapoconcho. Máis bonito. Máis noso. O sapoconcho é lento pero seguro. Máis seguro cá lebre. Os meus pés, aínda que sufran horrores, andan. E andan seguros. Como ten que ser. Vou vello pero aínda non tropezo, aínda non engarro. Engarro algo nos encontros, porque paro a falar e, claro, laretas tamén son. E se non engarro máis é porque sempre ando con présas; sempre teño algo para facer. Son un charabiscas, un cu de mal asento. Xa descansei abondo. Marcho logo, para a casa, andando, como non.

Te puede interesar