Opinión

Denuncia por abandono en 1912

Despois das típicas aventuras e, en maior medida, penalidades que o meu pai pasou na Guerra Civil Española, a súa conversa preferida era sobre a sega do pan en Castela. Dos segadores axiña souben por Rosalía de Castro e polo meu propio pai que o seu oficio, a súa actividade tamén tiña as súas aventuras e penalidades. E se non, aí está a noticia que apareceu o 6 de setembro de 1912 nun xornal da nosa terra, na que se narraba que no pobo de Sáa, en Paderne de Allariz, un tal Ramón Borrajo Gallego reclamoulle á autoridade competente a busca dos seus fillos Higinio e José, que facía vinte meses que os deixara a cargo do veciño de Baños de Molgas, Ángel González, para exercer o oficio de segadores. Semella que o tal individuo molgués os deixou tirados e, imaxino, coma os bois no monte, é dicir, quitándolles primeiro as asaduras ou, como se adoita dicir, en pelota picada. A sega do pan en Castela non foi moco de pavo. O que non entendo é como Ramón Borrajo tardou case dous anos en denunciar os feitos. A día de hoxe non sei en que quedou o asunto, pero as anécdotas do meu pai son migallas de pan en comparación co caso de abandono dos dous rapaces.

Te puede interesar