Opinión

Desbordado polas présas

Desbordado polas opcións. Desbordado polas présas. Aconteceu hai uns días, cando o ceo asomaba con nubes de algodón e, ós cachos, mares de néboa facían poñerme en tensión ó conducir camiño da aldea da muller, alá na parroquia de Macendo. Ó chegar, axiña empezou toda a carallada agrícola desta época. É dicir, que o paisa que escribe logo tivo que dobregar o lombo para poñer unhas gavias con verza do país (o paduán e a muller, todo hai que dicilo).

Esta, como é a que manda, tanto na súa casa coma na dos demais, dixo de botar as patacas logo de poñer a horta. Algo cedo pero, que carallo, hai que aproveitar ó paspán, non vaia ser que asome o mal tempo e se alongue a sementeira dos tubérculos. Así é que, antes de xantar, aínda houbo tempo para sementar tres regos. Logo, media hora cunhas cabezadas e volta á faena. Con présas. Porque sabía que me quedaban aínda algúns asuntos que tiña que resolver: ver o Huesca-Sevilla ás seis e pico, porque todo o mundo sabe que no equipo aragonés xoga ese veciño e crack chamado David Ferreiro; ver o clásico Real Madrid-Barcelona; ver algunha película (se a había) e escribir o Recuncho Hebdomadario para este xornal. Por iso é que baixei o carrelo e deixei que os cadrís apandasen co sacho. Vaia se apandaron!

Te puede interesar