Opinión

Desde o alto da Chaira

A ver se me dá tempo de contemplar a paisaxe. Por exemplo, desde o alto da Chaira. Podo ver o reflexo do sol sobre o río de Tioira xusto onde se cruza para o Río Vello. Podo intuír o escudo do Real Madrid que esculpiu nun penedo de Barricobos un paspán que non sabía que facer mentres as vacas andaban a velas vir, logo de pacer á fartura nos lameiros do Río Vello. Podo adiviñar niños de rulas nas matogueiras do Río de Vide. Como tamén podo imaxinar o croar das ras pola presa da Tapada Nova ou ventar, presentir os buracos que faciamos en Portugalego xogando á cireixola. Sento no alto da Chaira e imaxino detrás de min a Lagoa de Almoite, onde moitas veces se metían as vacas para saír, as pobres, cheas de sambesugas que lle chupaban sangue ata o mesmo corazón. E torzo a cabeza para contemplar A Porfía, o último reduto para facer tempo antes de tanguer as vacas para a casa, para Baños de Molgas. E vexo alá ó fondo Sudalomba, o lugar por excelencia onde se xuntaban todas as vacas da veciñanza polas mañás, e á súa dereita, Os Currás, onde estaban o resto, aquelas reses que, polo que fose, andaban ó seu aire. Contemplo a paisaxe de case media vida e non me queda outra que berrar ben forte: que tempos aqueles!

Te puede interesar