A detención dun pistoleiro

A detención dun pistoleiro

Antes, agora e sempre as forzas da orde de toda a contorna de Baños de Molgas resolvían os asuntos tan dilixentemente que non queda outra que renderlle coma unha pequena homenaxe lembrando as súas fazañas, aínda que só sexa nestes pequenos Pingas. No mes de maio de 1912 a un veciño da parroquia de Almoite, o mozo Lisardo Garrido Lage, andáballe a benemérita buscándolle as pulgas desde facía días. Porque intuía que era o presunto autor das feridas que lle provocou ós veciños Eladio Feijóo Losada, de Sanguñedo, e a Domingo Quintas González, do mesmo Almoite. O primeiro, Eladio, seica tiña un tiro na coxa esquerda e o segundo, Domingo, andaba con varias lesións na cara e na cabeza que, segundo o informe facultativo, eran todas de prognóstico reservado. Pois menos mal. Porque unha bala no corpo non é como para lanzar as campás ó voo. Mais axiña apareceu a Garda Civil para poñer paz e orde pola redonda, pola zona, da mellor forma posible: detendo ó presunto pistoleiro o día 13 do mes das flores e poñéndoo a disposición do xulgado de Baños de Molgas. Como se ve, a benemérita axiña puxo as cousas no seu sitio para que a xentiña da comarca non tivese máis sobresaltos. Polo menos durante un tempo.