Opinión

Director de culto

Ó director ruso Alexéi Guerman tan só lle coñezo unha película, pero suficiente como para que mereza unhas liñas nesta columna cinematográfica. Lembro que vin “Control en los caminos” o 28 de novembro de 1987 na sala 2 dos cines Renoir de Madrid en versión orixinal subtitulada e que saíra do cine completamente alucinado. Este filme acabou de rodalo en 1971, pero, criticado por non poñer de heroes á resistencia popular durante a guerra contra a Alemaña nazi, prohibírona ata 1985. Acabaría galardoada co Premio Estatal tres anos máis tarde, logo, iso si, de que a premiaran no Festival de Rotterdam de 1987.

Cineasta de culto ó que practicamente lle censuraron todas as súas películas e durante varios anos non se puideron exhibir. Alexéi Guerman nacera o 20 de xullo de 1938 en Leningrado (hoxe San Petersburgo), no seo da familia do escritor e guionista Yuri Guerman. Estudou no Instituto de Teatro, Música e Cinematografía, no taller do inmenso Girgori Kózintsev, director de, entre outras, “Don Quijote” e “Hamlet”.

Cando se graduou en 1960, traballou no Teatro de Smolensk, entre 1961 e 1964, e no Gran Teatro Dramático de Leningrado ó lado do mítico Gueorgui Tovtonógov. De aquí pasou ós estudos cinematográficos Lenfilm e foi no 1968 cando estreou a súa primeira película, “El séptimo compañero”, que vai sobre un xeneral que, logo de ser acusado sen ser culpable, proba a súa inocencia nos comezos da revolución bolchevique. A esta longametraxe seguiulle a que me descubriu a este director, a citada “Control en los caminos”. E xa definitivamente, “Veinte días sin guerra” (1977) sería a que o consagraría como director de culto, condición que se reafirmaría con “Mi amigo Ivan Lapshin”, rodada en 1984.

Ó rematar esta película, optou por un longo descanso como director, pero seguiu escribindo guións e actuando. Foi a finais dos 90 cando rodou “¡Mi auto, Jrutaliov!” sobre os últimos días da época de Stalin. No momento da súa morte, 21 de febreiro de 2013, case rematara “¡Qué difícil es ser dios!”. Tivo que concluíla o seu fillo. Gustáballe rodar en branco e negro.

Te puede interesar