Opinión

Disección de Hollywood

Grazas ó excelente guión de Michael Tolkin, elaborado a partir dunha novela orixinal propia, Robert Altman volve con “The Player” a un cine de produción normalizada. A película ten todos os ingredientes para o éxito: en palabras de Tim Robbins, protagonista do filme, “suspense, violencia, esperanza, un pouco de sexo e un final feliz”. Aínda que, curiosamente, estes sexan os instrumentos de que se serven Tolkin e Altman para ironizar, con cruel e xocosa mordacidade, sobre o sistema que os acolle.

Un dos máximos puntos de interese ostentados por un filme do indubidable atractivo de “The Playert”, repousa na súa disección, bastante precisa e desapiadada, do Hollywood dos anos noventa. E, ó dicir isto, que ninguén se chame a engano, “The Player” non ten vocación de filme denuncia, nin de gacetiña sobre esa feira de vaidades que é o cine (americano). O seu obvio selo testemuñal (historia criminal aparte) brota, con inusual naturalidade, da mirada directa e un tanto cínica, que os seus autores dirixen cara á un ambiente ben coñecido por eles.

Iso facilita que a cinta posúa un alcance moito máis amplo, unha riqueza conceptual moito máis profunda, que a suposta efectividade dunha sucesión de chistes amarelados. Quizais o morbo do seu contido crítico, unido ó cameo narcisista perpetrado por 63 cotizadas estrelas interpretándose a si mesmas; desde Anjelica Huston ata Scott Glenn e pasando por Julia Roberts, Nick Nolte, Peter Falk, Cher, etc., símbolos e servidores do sistema ó que contribúen a satirizar, podía inducir a pensar que todo ía derivar nunha edición ilustrada de “Hollywood Babilonia”. Con gran intelixencia e habilidade, o guionista Tolkin e o realizador Altman eluden a tentación de caer no gratuíto e o sensacionalista.

Filme cinéfilo por vocación e obrigación, “The Player” está ben provisto de chistes hilarantes e mal intencionados á vez. É un dos filmes máis logrados de Robert Altman, cunha moi boa dirección de actores e no que mestura perfectamente comedia, melodrama, cine negro, reflexión cínica sobre o cine, Hollywood, o amor, a ambición, o poder e a morte.

Te puede interesar