Opinión

Drama doloroso

No ano 2004 acadou a Concha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián. E con todo merecemento. “As tartarugas tamén voan” (2004) é un drama terrible e doloroso, unha experiencia realmente límite no que a soportar o sufrimento alleo na pantalla se refire. A súa anécdota é tan moderada como, no fondo, didacticamente efectiva: trátase de ver, nunha peripecia centrada nun grupo de adolescentes e nenos superviventes das sucesivas represións de Sadam Husein (o filme transcorre no Curdistán, na fronteira entre Irán e Iraq), xustamente os estragos e as herdanzas desa guerra pasada, as ilusións depositadas na próxima invasión americana (a acción culmina coa entrada dos tanques da coalición)... e o choque de todo isto coa realidade do día a día.

Unha realidade non xa dura, senón case inhumana: os rapaces sobreviven grazas á recollida de bombas antipersoas, unha experiencia que é, á vez, ficción e vida, porque varios dos protagonistas dedicáronse realmente a esa tarefa, e algúns incluso amosan as marcas atroces que lles deixou tan perigoso traballo. Unha realidade fantasmal, feita de mil penalidades, en medio das cales xorde a lección do filme: incluso nas situacións máis extremas, sempre queda algo, un desexo de superación, ese instinto de supervivencia que fai do habitual unha loita a brazo partido contra o adverso.

Película terrible, experiencia atroz, “As tartarugas tamén voan” é tamén un imprescindible documento; contra a loucura da guerra, contra a ferocidade que se ceba sempre no máis débil, contra os máis baixos instintos que asolan ós homes cando botan man das armas. A verdade é que é unha película que aniquila as reservas emocionais do espectador. Arrepiante. Auténtica puñada á conciencia humana, de tal maneira que notas como esa bile que se che arma no estómago desexas, de corazón, botala para fóra.

O filme incorpora unha trama argumental sinxela, posta ó servizo da descrición dunha realidade estarrecedora, que desgarra o corazón e conxela a alma. E aínda que incorpora toques dun humor singular, ó espectador non lle quedan ganas de rir.

Te puede interesar