Opinión

Unha ducia de rapaces

Calquera quería coller o niño de azulenta ou paxara parda, pero ninguén lle chegaba. A súa situación non era moi accesible e os rapaces non estaban moito para a faena. Eles conformábanse con descubrilo e punto. Os rapaces eran cerca dunha ducia e cada un deles quería vivir a súa aventura. Así, un deles pasaba do niño e andaba na procura de lagartos. Outro quería que un sapoconcho ou tartaruga asomase pola beira esquerda do río Arnoia. Algúns máis corrían detrás dunha pelota de tenis que facía de balón de fútbol.

As porterías eran catro toxeiras e os porteiros adiantaban un paso por aquilo de se se tiñan que tirar a pola pelota. A inercia dun porteiro é tirarse. Cando o sol empezaba a acochar por detrás do outeiro de Brandín, xa todos estaban sentados planeando o día de mañá. O día de hoxe, para eles, estaba a piques de rematar. As súas idades eran para estar ás nove na cama, ou como máis tardar, ás dez. Romperon a roda e, amodiño, moi amodiño, cada un colleu camiño da súa casa.

Te puede interesar