Opinión

Duelo a morte

Punto de cruz na tela dun descosido e piñeiro seco moi lonxe dun río. Ando de paseo por entre as toxeiras dunha poula perdida entre os parágrafos dunha novela. Sempre imaxinei unha historia de fantasmas ás doce do mediodía e sempre me vin sentado no mazadoiro da burga ás sete da tarde. Logo dun descanso fun cara á Pillamadoira para manter alí un duelo entre fusco e fusco coa artistiña da película. Deixei que Clint Eastwood se puxera cara o sol. Ladeei o sombreiro e estivemos á espera de que chegara don Ennio Morricone para que lle puxese música ó duelo a morte no lameiro do Sandiós. Na espera, un servidor rezáballe ós santos inocentes porque o revólver de Eastwood é moito máis rápido có rifle de John Wayne. Sempre lle tiven medo ó rifle de John Wayne. Punto de cruz na alforxa da sela do cabalo. Do cabalo de Clint Eastwood. A miña economía só alcanza para un pobre mula parda á que se lle van os ollos cara ó cabalo do meu inimigo. Cansos de esperar por Morricone, achegámonos con parsimonia e Clint deume un cigarro e eu ofrecinlle lume. O sol xa acochara polo outeiro de Brandín. Ó rematar de fumar collemos das rendas os animais e volvemos, xuntos, para o mazadoiro da burga. Aquí paz e despois gloria, dixemos os dous.

Te puede interesar