Opinión

É unha gran escola

Xa está aquí. O fútbol. Xa empezou. Xa estamos no quinto día. E xa no segundo me quería rebentar o peito. Coa tensión. Coa emoción. No España-Portugal (3-3). Demasiada angustia. Demasiados cabreos. Demasiada alegría. Demasiada pena. Xa sei que para uns o fútbol é como unha peste. Pero hai que saber que as pestes existiron sempre e existirán. Hai que saber que hai que convivir sempre coas pestes. Seino ben. Todos os anos teño que loitar contra elas a base de sulfatos. E son feliz. Quéixome, pero son feliz. Tamén convivo coa política, que é moito peor cá peste. Ou moitas veces con Telecinco (e non estou a referirme ó fútbol), que é o peor do peor da peste. Bendita peste a do fútbol. Xa o teño dito máis dunha vez: é o mellor psicólogo que hai. 

En todos os partidos de fútbol descobres a auténtica personalidade de cada espectador, incluso de cada xogador. É unha gran escola. Para o bo e para o malo. É o mellor dicionario de reaccións psicofisiolóxicas: emocións, sentimentos, impresións, esencias, espíritos, envexas, carraxes, alentos, furias, coraxes, benevolencias, tolerancias... e así ata o infinito e máis alá. Ata a mesma Rusia. A chusma futbolística tan só acaba de empezar. Confiemos no noso país. E se non, para un servidor, o que digo sempre: menos mal que nos queda Portugal. A pesar dese gran goleador que, por culpa do seu ego, cava como unha tumba ó seu arredor. Tanto emoción sobre o Mundial e sen ver aínda ós grandes favoritos (este Recuncho escribino o venres). A peste cheira. Algún partido cheira. Pero hai outros que son auténticas escolas. De todo: de fútbol, de comportamento, de convivencia, de estudo. E de cultura, que tal? 

De cultura, entre partido e partido leo, ou escribo, ou asisto a algún acto cultural, ou vexo cine ó rematar a xornada. Por ler ata leo nos descansos. Non vaia ser que o meu cerebro se volva amorfo. O fútbol é coma os funcionarios: falan mal del, deles, pero sen el e sen eles este país non arrea. Falan mal del, deles, pero á inmensa maioría gústalle o fútbol e quere ser funcionario. Así de simple. Así de sinxelo. Si, ten mala fama, é unha peste, é como unha turba, pero como o vivimos, por Deus! Por vivilo ata o viven a tope, a todo dar aquelas sociedades que se consideran cultas. O dito: unha gran escola. Para todo.

Te puede interesar