Opinión

Emigración voluntaria

Sucede moi pouquiñas veces, pero hai días nos que a prensa escrita se lle dá por sacar noticias simpáticas ou polo menos curiosas. A ver!, tamén os rotativos pensarán que non todo é un val de lágrimas nesta nosa sociedade. Resulta que un loro anglofalante, máis en concreto ianqui, fuxiu da súa casa e cando se lle deu por volver, logo de catro anos, chegou... falando castelán! Non sei, imaxino que marcharía para estudar idiomas. Ou ó mellor pensou que se algún día tiña que emigrar (nunca se sabe, por moi país rico que sexa Estados Unidos), qué mellor que facelo con estudos lingüísticos. E segundo non foi parvo para fuxir e para aprender outro idioma, tampouco foi parvo para escoller o tal idioma, un dos máis estendidos do mundo. E como animal tropical que é, qué mellor lugar que América Latina. Non sei por que pero dáme que esa “emigración voluntaria” realizouna a un país con fala castelá. Tamén o imaxino, agora, polas noites, practicando na lingua de Cervantes mentres os seus amos americanos dormen a perna solta. Calquera día volve largar.

Te puede interesar