Opinión

Enfrontándose ó demo

Quixo o demo meter o can na palleira, pero Sadurniño Derivado Saturno non o deixou. Cun garabullo acenoulle ó can e este marchou co rabo entre as pernas e coa fame no lombo. Sadurniño Derivado sabía porque quería entrar o can. Tiña a palleira chea de coellos e unha ducia de pitas. O can deixaba ver unhas costelas das que fuxira a carne e a desesperación era grande. A verdade era que a Sadurniño dáballe pena o can, pero tamén lle daban pena as pitas e os coellos, amais do traballo que tiña que velar para coidalos. Quixo a demo tentalo a el, a Sadurniño, cuns coiros que tiña colgados dun ferro na parede lateral para darllos ó can, pero sabía que se o facía, o pobre animal non lle ía saír de alí en días. E bastante tiña cos seus propios animais. Así é que, aínda con pena e con certa dor, seguiu acenándolle ó can para que largase de alí. Cando o perdeu de vista, Sadurniño Derivado Saturno riuse do demo.

Te puede interesar