Opinión

Entre os nichos da canción

Alguén me dixo unha vez que un verso que se alonga poida que non teña fin. Tamén é verdade que un verso longo pode ser un infortunio. Como un asubío dentro dunha igrexa ou por entre os nichos dun cemiterio. Non obstante, non habería mellor lugar para un concerto labial: todo sería silencio. E a música, calquera música, como mellor penetra, é en silencio. Alguén me dixo unha vez que o niño dunha anduriña era como o anel de Saturno. Non sei que pinta Saturno aquí, repliqueille. O mesmo que pinta no universo: nada. O que nada non afonda. A cousa xa empezaba a pasar da raia. Nin os comentarios semellaban apropiados e moito menos as preguntas ou respostas. Estabamos a embarullar o asunto alguén e máis eu. Teñamos a festa en paz, berrounos a pobre anduriña. Quedamos pampos, claro. Ese alguén colleu un libro de poesías e púxose a recitar sobre os intervalos das fases da lúa. Eu collín un simple poema, mirei para a anduriña e nos seus ollos vin pura poesía. Para que recitar entón! Quedei en silencio e moi devagariño marchei para o cemiterio. Alí, sen importarme os mortos daquel verán, asubiei un requiescat in pace pola alma dos que nunca compuxeron unha canción, dos que nunca escribiron uns versos. Alguén marchou sen facer ruído e eu soñei entre os nichos da canción.

Te puede interesar