Opinión

Aquel Entroido enxebre

Chegaron tres días para que o caso Nóos apeste xa. Xa cae máis aburrido que un lagarto ó sol. Así é que nin quero nin debo (outros entenden moito máis ca min) falar máis del, pois á parte de non entender, só me alporizo. E non falando del, a verdade é que a semana pasada non deu para moitas lerias; incluso futbolisticamente ata foi unha semana moi negativa para os galegos. Así é que busquemos outra cousiña. O que? Pois por exemplo o entroido. O entroido semella que volve polos seus foros, que os concellos o recuperan cada vez máis e que todos arelamos, todos devecemos por eses desenfreos que, a cara descuberta, nin se nos pasaría pola imaxinación cometer. Non obstante, para este molgués, o entroido non é o que era. Pódese dicir case perfectamente que o entroido de agora (se exceptuamos a un ou dos pobos) son desfiles e máis desfiles... e tan só nas fins de semana. Lembro de rapaz aquel entroido enxebre que se desenvolvía a diario e que tiñas que andar ollo avizor ou con cen ollos se non querías que te encheran de farelos ou chegar á casa como un divino cristo por culpa dos tizóns que che refregaban pola cara. Logo, cando baixaban os felos, cando baixaba, creo, o Salvador de Nocelo acochábame detrás das pernas do pai porque me daba medo. A mestra dona Julia soltaba un pouco antes ás nenas para que nós non as pintaramos ou as encheramos de farelos. O mestre don Graciliano, algún ano "pasaba" do acordo, do pacto, do trato e soltábanos a un tempo para gozar coas persecucións ás que sometiamos ás rapazas. Iso agora xa non se ve. Agora tan só son disfraces e desfiles. Aquel entroido enxebre, aquel entroido das aldeas hai moitos anos xa que rematou.

Te puede interesar