Opinión

Eran como cantazos

Xa dera unhas cabezadas logo de xantar. Xa lera un pouco. Xa estaba vendo a etapa da Volta Ciclista a España. E xa levaba un tempo en que, ó lonxe, o ceo metía ruído. Pouco a pouco ese ruído foise achegando e os alustres asomaban, deixábanse ver pola ventá da habitación. Está chegando, está chegando, pensei. Naquilo caín na conta de que deixara un chisco as xanelas do coche abertas, por iso de que, como había sol cando aparquei pola mañá, correse o aire para non afogar ó meterme nel pola tarde. Baixei entón coma un lóstrego para cerrarllas. Que ben fixen! Axiña os ruídos eran cada vez máis potentes e os relampos máis luminosos. Nun amén, saltaron os automáticos da luz. Alá se foi a etapa ciclista! E naquilo, semellou que o ceo se viña abaixo. As pedras eran coma cantazos, que axiña cubriron a rúa e que me fixeron compadecerme dos coches aparcados. A verdade é que parecía que perigaban. Aínda que o meu pensamento máis profundo estaba dirixido cara á viña: como isto caia por alá, adeus colleita! Máis tarde xa souben que, por agora, aínda está en pé. Menos mal.

Te puede interesar