Opinión

Erro descomunal

Do dito ó feito vai un bo treito. E tanto que vai un treito. Resulta que días atrás atopeime cunha noticia que me causou graza e que me deixou abondo alucinado. Unha muller denunciou que a atracara “un mozo baixiño, delgado e de cute branca” cando andaba camiñando pola cidade da Coruña, e xulgaron a un home alto, gordo e moreno. Para escachar coa risa, non si? Pero, logo da gargallada, e analizando o asunto en profundidade, hai que recoñecer que ten perendengues, que ten o seu aquel. É que non se erra nun simple detalliño. Aí hai tres comparacións a cal máis diferente unha das outras. Tan só lles quedou que ó que xulgaran fose de Suazilandia, por exemplo. Se o pensas friamente, a xustiza, no noso país, por unhas e por outras causas, está canga baixa ou de capa caída. Claro que ante estes detalles case é normal que desconfiemos dela. Retiro o de case. Creo que a maioría dos españois non confían nada nela. Os galegos non confiamos un carallo. Que non é o mesmo “nada” que “carallo”. Ben sabemos que esta palabriña é a contrasinal da nosa idiosincrasia, da nosa identidade, do noso vivir. É que o erro foi descomunal.

Te puede interesar