Opinión

Para escangallarse coa risa!

De cando en vez métome na biblioteca da Valenzá para consultar algún dos xornais que non adoitan ter os cafés e, a maiores, se cadra pillo algún libro. A ver, libros sempre teño comigo. Pero gústame ter algún de mais por se o que empezo a ler non me gusta e o teño que deixar axiña. Deixo o tema dos libros e vou ó que me interesa. Moitas veces a prensa cánsanos con tanta noticia política ou con tanta noticia repetitiva. Pero o outro día atopeime cun titular que, primeiro, me fixo rir e que, segundo o pensei con máis calma, acabei ás gargalladas. Incluso tiven que agachar un pouco a cabeza para que os demais usuarios da biblioteca non me visen. “O Rei ofrécelle a Perú o apoio de España contra a corrupción”. Para escangallarse coa risa! Un cego dándolle a man a un coxo. Ou un parvo aconsellando a un torto. Eu penso que o noso Rei errou non seu comentario. Creo que máis ben lle quere dar apoio nas argalladas que hai que levar a cabo para meterlle man ó paisano de a pé. O Rei sabe que temos experiencia. Moita experiencia. En serio, non o podo crer. Que quizais o país máis corrupto do mundo se lle ofreza a outro para vencer a corrupción é algo que se sae das marxes da fantasía. Seguro, seguro que foi un erro do Rei. Ou do periodista, que non oíu ben. Seguro.

Te puede interesar