Opinión

Escoitar o son do mar

Miro para o móbil. É negro. Escoito a Madonna. Outras veces escoito a Fuxan os Ventos. Ou a Paquiño Sinatra. Ou a Charlie Santana. Procuro oír sempre música. Pretendo ler a todas as horas. Intento ver cine todos os días. Escoito a radio cando viaxo. Asubío cando camiño por entre a néboa. Ás veces boto un aturuxo porque me dá a gana. Ou subo a un outeiro e berro. Berrar é tan bonito como estar en silencio. Pero nada hai máis bonito que escoitar o mar. Agora escoito a Sabina. Sentarme nun acantilado e escoitar o ruído do mar có Sabina pegado na orella ten que ser a éxtase total. Tamén nese mesmo acantilado podo escoitar, a maiores, a Bach ou a Leonard Cohen. A música é tan bonita. A música é coma o 14 de febreiro pero no mes de abril, ou de setembro. Ata o 31 de decembro cambiaría as uvas e as badaladas por escoitar o son do mar. Quero escoitar o mar desde o faro Fisterra. Tampouco me importaría que fose desde o faro de Lariño. O caso é escoitar o mar. Deus, se por min fora, ata escoitaría o mar desde o alto de Sudalomba, alá no monte Medo, en Baños de Molgas. Miro o móbil. Non cambiou de color. Quero morrer á beira do mar, que me depositen xunto ós penedos de Barricobos e que me enterren en plena Sudalomba. No buraco, un disco eterno co son do mar.

Te puede interesar