Opinión

Este mundo non é serio

Odomingo 25 asomaba nos xornais a nova de que un derrubamento de terras sepulta a 120 persoas nunha aldea de China. O luns 26 asomaba nos medios de comunicación a noticia de que a explosión dun camión cisterna en Paquistán deixou máis de 150 mortos. Estas dúas noticias se as poñemos xuntas na columna dun periódico non alcanzan para completar toda a columna. Polo menos nos dous xornais que leo diariamente non alcanzaron cada unha nin a metade da columna. Mentres que, cando aconteceu, por exemplo, o incendio dun edificio en Londres, no que morreron unhas 30 persoas ou algo máis (dise que aínda non se sabe a cantidade exacta), os medios de comunicación tiráronse días falando desa "hecatombe", desa desgraza, que si, é unha auténtica catástrofe, pero ó ser no mundo civilizado xa vai moito máis alá dunha simple calamidade.

Total, o de sempre: que hai mortos e mortos e que non todas as penalidades son iguais. Os chinos son unha morea deles e pouco lles afectan 120 habitantes máis, a maiores de que están moi lonxe e teñen un rostro raro, unha faciana achinada. Sobre os paquistanís... uffff; todos eles uns talibáns. Ó mellor ata nos libramos de 150 suicidas poñendo bombas por aí. Mentres que os ingleses, ai os ingleses, aínda que sempre andan ó revés, están aí ó lado, teñen unha lingua tan bonitiña que nos vai conquistando así coma quen non quere a cousa. E, o principal, son europeos, é dicir, civilizados. Sinceramente, este noso mundo non é serio. Cando empezamos a distinguir ó ser humano pola súa condición da raza, do sexo, da cor, dos países, alá van os dereitos humanos da ONU a cazar biosbardos. Cando o ser humano empeza a dividir con muros e fronteiras, alá vai a liberdade a meterse entre as reixas dun cárcere feito a conciencia. É que xa obviamos o primeiro artigo de tal declaración, aquel que di que todos os seres humanos nacen libres (ai que me parto!) e iguais en dignidade e dereitos (xa!) e, dotados como están de razón e conciencia (principalmente conciencia), deben comportarse fraternalmente os uns cós outros (tal cal)

Te puede interesar