Excursión da prensa a Baños de Molgas

Excursión da prensa a Baños de Molgas

O día 2 de agosto de 1922, é dicir, hai 96 anos, asomaba na prensa galega unha nova relacionada precisamente coa prensa, na que se informaba que os propietarios do balneario de Baños de Molgas, invitaban á Asociación da Prensa de Ourense. Cando alguén te invita, é un feo rexeitar tal invitación. Ás nove da mañá partiron nun gran Hispano case todos os socios e os fotógrafos Samaniego e Luis Fernández, “Xesta”. Foron, primeiro, ó santuario dos Milagres, onde o presidente D. Marcelo Macías dixo misa. Ó rematar os Padres Paúles agasalláronos con obxectos relixiosos e coa visita á espléndida biblioteca do convento.

Continuaron a viaxe ata Baños de Molgas, “unha ruta preciosa, festonada por estupendos panoramas”. Ó chegar e logo dos saúdos, dedicáronse a percorrer a poboación, en cuxa ponte vella ou romana e nas marxes do río Arnoia, os fotógrafos fixeron, precisamente, o seu agosto.

A noticia gaba ó cultísimo médico Movilla e ó intelixente e simpático Salgado porque estes seica puxeron sobre as mesas unha comida opípara e para zugar os dedos. Na sobremesa tocaron as típicas oratorias e a de Marcelo Macías versou, como non, sobre a importancia da prensa, “o cuarto poder do Estado”.

Logo dos discursos chegou a música e por alí asomaron todas as “señoritas de renome” de Baños de Molgas para amenizar a festa durante dúas horas a base de bailes e... e o que cadrase. Despois sacáronse á fronte do balneario varias fotografías de grupos nos que figuraban “as señoritas e os expedicionarios, ós que se lles fixo unha despedida moi cariñosa”.