Opinión

A expresión dun pensamento

A cidade respira gases tóxicos porque o alalá dun vehículo xeme cancións que ninguén canta. Oxalá as pingas de orballo mollen uns beizos secos porque unha vida chea de espiñas non adoita bañarse nunhas herbas molladas. Os gases tóxicos pérdense pola outra cara da lúa na procura duns astronautas que saíron a un paseo espacial pero sen ningunha ruta turística. Algún deles xa está programando unha andaina intergaláctica. Por entre as estalactitas e estalagmitas duns meteoritos que pasan polo lado esquerdo da lúa vella. Quen quere ser a lixo de po que se pousa na punta da antena da nave espacial que navega polo espazo sen tan sequera despegar? Ás veces é complicado comprender o que non se entende. Ás veces o entendemento non ten quen o escriba. E toda palabra escrita queda aí, para sempre, para que un iluminado lle dea mil voltas e ó final non entendas o que se quixo dicir. Se algo se quixo dicir. Moitas veces por moito que se diga non se di nada. Outras veces, unha simple palabra chega para que a expresión dun pensamento sexa todo un soño.

Te puede interesar