Opinión

Facer as voltas

Notábase a leguas que Mamede Monada facíalle as voltas a Talía Mitos. Estaban os dous sentados na terraza dunha cafetaría e os ollos del estaban pegados na cara dela, as palabras dela recibíaas el coa a boca tan aberta que ata baballaba coa emoción. Mamede Monada tiña 30 anos. Talía Mitos tamén tiña 30 anos. El tiña o pelo negro e ela tíñao platino. Ó mellor era pintado. Pero non o sabemos e non llo imos preguntar. Mamede Monada quixo, así como quen non quere a cousa, tocarlle moi suavemente a man a Talía Mitos, pero no último momento tivo medo. Medo a recibir unha labazada. Nunca se sabe.

Pero vaia se lle facía as voltas. Garatuxas ou aloumiños por aquí. Sorrisos por alá. Piropos como se os lanzara despistado. Palabras tenras. Olladas intensas. Mais Talía Mitos seguía ó seu, é dicir, a disimular que sabía o que el estaba a facer e a sorrirlle de cando en vez. A ver!, Talía Mitos tampouco era parva e sabía moi perfectamente que Mamede Monada estaba a facerlle as voltas. Pero como me toque leva unha hostia!... Quietos parados!; agora xa sabemos o que opina Talía Mitos. Deixemos entón a Mamede Monada que siga soñando.

Te puede interesar