Opinión

Falan sen cancelas e polos cóbados

Díxose sempre que a mellor terapia para o ser humano é a risa. Eu tamén engadiría o sacho ou o fouciño, aínda que recoñezo que esta terapia custa moito levala a cabo. O da risa é verdade que deixa a un liberado de todos os problemas, de todas as dores e aflicións. Máis, coidadiño!, facer rir é moi difícil, quizais o máis difícil que existe. Pero aínda así hai xente que te fai rir a cachón e de continuo, que aínda é moito máis difícil. Hainos que lles chega cun simple xesto para que sintas formigas na barriga e bágoas nos ollos. E hainos que, se saben unir os xestos ás palabras, entón é que xa te tiras polo chan porque non aguantas máis. Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz son destes últimos. A maiores de poñer expresións que xa te fan choutar, usan a verborrea para que pases uns marabillosos momentos na súa compaña.

Tiven a sorte de velos representando “Falar sen cancelas”. Sen cancelas, sen arames, sen atrancos e sen muros; falan a Deus dar e falan con esa retranca tan famosa nosa que as indirectas son máis que directas e sen deixar cousa con cousa ou torre en pé. Xa a propia introdución que se adoita facer cando actúan en algún lado o di todo:  “Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ó conto. Mesturan o allo co bugallo. Fan de cada palabra un espectáculo e, en definitiva, falan sen cancelas”.

“Falar sen cancelas” é un espectáculo de “humor galego apocalíptico”, unha “comedia pesimista” que produce Culturactiva SCG, que dirixe Diego Rey e que protagonizan eses tres cómicos excepcionais, por todos xa coñecidos grazas ós seus 15 anos de experiencia e ós seus espectáculos televisivos..
O director Diego Rey naceu en Moaña o 20 de novembro de 1982 e realizou a súa formación teatral con diversos mestres, destacando a súa preparación en Commedia dell´Arte. Hai dez anos que se uniu á compañía Talía Teatro coa que desde entón ven desenvolvendo a súa actividade.
Isabel Risco. Isabel Martínez-Risco Valdivieso é un caso á parte. Xa hai bastantes anos que, gozando dunhas pequenas vacacións alá por Louro (as miñas sempre foron e son pequenas... e cando as teño), na praia de San Francisco, atopámonos coa actuación dunha rapaz que parolaba sen parar, que era unha fervellasverzas cuspindo palabras e que facía co seu corpo un bulebule de escándalo. Xa aquela noite rin a cachón. Pasou o tempo e, pouco a pouco víaa de cando en vez na televisión. A moi condenada seguía nas mesmas: usando esa linguaxe do oeste galego que ten o seu aquel e que, a min, polo menos me fai escachar coa risa.

Actriz, clown (ou pallaso) e pedagoga teatral. Comezou no teatro universitario en 1997. Para nomear os seus mestres cumpriríame xa o resto da reportaxe; entón basta con nomear a Leo Bassi e Manuel Lourenzo, que serán os que máis coñecedes. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais e no ámbito do audiovisual traballa como actriz secundaria e protagonista en series como “Padre Casares”, “A vida por diante”, “O Nordés” ou “Air Galicia” e diversos programas máis da TVG. Tamén realiza curtas, publicidade e algunha que outra longametraxe. Leva anos interpretando un personaxe recoñecible por todos vós, Nabiza Girl, a nosa heroína galega que saca os poderes do sulfato (a chamala xa para que me sulfate a viña nun amén!). Ollo ó dato!, acadou o premio Mestre Mateo de 2014 á mellor intérprete feminina de reparto por “Era visto!!, que non é cousa de pouco.
Outro que tamén botou man de Leo Bassi, entre outros, foi Pedro Brandariz, hoxe xa bastante coñecido grazas á súa participación habitual en “Luar”, xunto a Fran Rei, compañeiro tamén de “Falar sen cancelas”. Brandariz é un gran contador de historias que, á pesar de proceder do mundo do clown, tamén traballa en compañías de teatro máis clásico e teatro infantil.

O seu citado compañeiro Fran Rei xa é santo da miña devoción tan só por haber actuado en Baños de Molgas (a ver!, cada un tira do seu...), pero é que, a maiores, é cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía Os Sete Magníficos máis Un. Por algo se di que é o 50% da mesma. Desde o ano 2001 leva participado con ela nunha ducia de espectáculos. Formouse baixo a vixilancia dos mellores mestres do panorama internacional. Monitor de dramatización, teatro e clown, dirixe varias escolas de formación teatral. Especialista en clown, desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica. Véndoo en “Falar sen cancelas” aseguro que pode impartir moi ben e moi perfectamente eses obradoiros.

Te puede interesar